
Grandes catástrofes medioambientais
As bateas, ademais de ser unha espléndida fonte de alimentos, conforman as rías galegas enchendo de cor as augas co seu froito laranxa. O mexillón, como molusco mariño, ten que convivir con compoñentes nada beneficiosos para o seu desenvolvemento. As sustancias nocivas que escurecen o brillo natural da ría son os verquidos contaminantes, froito da actividade humana, que leva anos provocando catástrofes nos nosos mares. En consecuencia, acabaron coa vida dun elevado número de especies mariñas e de aves e tamén coparon as praias e as rocas de residuos.
Así cho conta a nosa compañeira Laura Gestal
O mexillón como filtrador
Na actualidade, existen instrumentos para controlar a incidencia de verquidos nas rías galegas, o que permite detectar en tempo real calquera variación e, desta forma, actuar con inmediatez. Datos proporcionados por Augas de Galicia informan dunha media de 4,3 derrames de líquidos residuais ao día. 253 dos 1.575 verquidos detectados durante o 2019, excedían os límites determinados pola Lei sobre a carga química ou microbiolóxica das rías. Neste caso, o ecosistema máis afectado foi o de Arousa, que retivo o 27% dos verquidos de toda Galicia e concentrou, xunto con Muros-Noia e con Vigo, o 53% da contaminación.
O mexillón pode resultar contaminado por tres fontes identificadas: por un aporte excesivo de nutrientes, por fuel ou petróleo e por metais pesados. O aporte excesivo de nutrintes, vai vencellado á marea vermella; a contaminación por fuel ou petróleo, provoca que o bivalvo non poida realizar a filtración da auga; e os metais pesados, cáusanlle estrés oxidativo. Neste eido, os metais pesados teñen a capacidade de bioacumulación, provocando que as sustancias químicas se acumulen en organismos vivos, que chegan a acadar concentracións máis elevadas que as do seu medio ou as do seu alimento.
As mareas vermellas
Outra das grandes ameazas para os mexillóns son as mareas vermellas, frecuentes nos períodos de verán e de comezo do inverno. Son un fenómeno de contaminación natural debido ao crecemento de microalgas, que posúen unha toxina diarreica: a toxina lopofílica. No mes de setembro, 47 polígonos da ría de Arousa tiveron que pechar pola presencia desta toxinas nas augas. Polo tanto, a ría de Arousa só dispoñía duns 400 viveiros flotantes, que pertencían a catro polígonos. Os únicos nos que se autorizaba a extracción e a venda de molusco eran os da Pobra E1, Vilagarcía A, Vilagarcía B2 e Cambados A2-E. Un dato significativo se temos en conta que en Arousa hai unha vintena de polígonos, nos que están fondeadas 2.318 das bateas galegas.
A acumulación de nutrintes na ría que provocan as mareas vermellas pode resultar beneficiosa para o alimento do mexillón. O problema atópase a nivel industrial e comercial, posto que a toxina lopofílica é perxudicial para o ser humán. A inxesta do mexillón na época das mareas vermellas pode provocar a intoxicación dos consumidores.