top of page
  • Instagram - Círculo Blanco

O efecto da COVID na venda de mexillón

A crise sanitaria pola COVID-19 rematou converténdose, tamén, nunha pandemia de tipo económico. O 48% das empresas españolas están en grave perigo de desaparecer, unha ameaza da que non escapa o negocio do mexillón en Galicia. O peche xeralizado das bateas de mexillón desabasteceu o mercado en plena pandemia, polo que o sector bateeiro tivo serios problemas para o seu desenvolvemento e para a comercialización do bivalbo este ano. 

 

Pola contra, os datos ofrecidos por Anfaco-Cecopesca manifestan que o consumo de mariscos aumentou no país durante o confinamento. Un 19%, no caso dos mariscos cocidos; e un 13%, no caso dos conxelados. Ademais, as conservas obtiveron beneficios, sobre todo no período do confinamento domiciliario. Os españois consumiron 25.000 toneladas de latas só no mes de marzo. Deste número de envases, un 8% eran de mexillóns.

Asemade, a actividade comercial do mexillón establecida nos mercados e nas prazas non adquiriu tantos beneficios coma o marisco das conservas e o conxelado. O confinamento e as restriccións derivadas da crise sanitaria, sumadas a un escaso movemento turístico, causaron danos calamitosos no sector mexilloeiro galego. A pandemia está a afectar, sobre todo, á demanda de mexillón fresco, que rexistrou unha caída importante polos peches da hostalería e da restauración. Do mesmo xeito, reduciuse a demanda externa de produto fresco. As exportacións de mexillón xenérico a Francia e a Italia están practicamente paralizadas. Con todo, mantense a demanda por parte do consumidor de produtos de mexillón elaborados, transformados, en conserva ou conxelados. 

En datos

-72,6%

Caída das vendas do mexillón de 2019 (4.985.600kg) a 2020 (1.364.920kg)

Excedente da produción de mexillón entre marzo e abril de 2020 (3.186.882kg) en comparación co mesmo período de 2019 (883.756kg)

+72,3%

O comercio do bivalbo en prazas e peixarías 

A praceira ribeirense e dona da peixaría Mayán, Marisa, asegura que as vendas de mexillón caeron “porque a xente ten medo a saír a comprar con isto da COVID”. Porén, até o momento, non percibe que o público careza de solvencia económica para adquirir produtos mariños, incluído o mexillón. Mais engade que “houbo unha época na que o mexillón tivo toxina” e as vendas víronse reducidas. Este verán, no mes de agosto, o sector hoteleiro e turístico sufriu un desplome do 87% no número de reservas. A rexente da Mayán non vende a moitos bares ou restaurantes, e por iso non notou a redución das vendas que significou o peche da hostalería e a redución no seu aforo. Marisa afirma que advertiu un lixeiro decrecer das vendas “no, peixe en particular” pero “non no mexillón”. Durante o longo período de confinamento, países como Italia apreveitaron para incursionar no mercado galego do mexillón a través dunha coñecida liña de supermercados, mais a praceira indica que ela nunca vendeu mexillón de fóra porque a xente “prefire o daquí”.

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa

Segundo o presidente da asociación, Xocas Rubido, a Plataforma adquiriu máis pulo nos últimos dez anos, coa aparición de xente nova cunha mentalidade máis aberta, o que posibilitou que funcionara de forma fluida e coordinada. Rubido explica que o traballo da Plataforma serve “de estimulación e de impulso a todos os tecidos produtivos da ría de Arousa, co obxectivo de impulsar medidas de protección da ría”. Neste senso, a organización encárgase de establecer canles de diálogo horizontais e transparentes cos actores produtivos de Arousa, por vía asamblearia, para pórlle solución aos distintos problemas que vaian xurdindo. 

 

Por mor da crise sanitaria, os membros do colectivo non poden reunirse fisicamente, só por vías telemáticas. Segundo Xocas Rubido, estase a producir un retraemento social: “A famosa consigna da distancia social está afectando ao subconsciente e ás relacións humanas, o que provoca unha maior pasividade nos membros da organización”. En consecuencia, o colectivo atopa máis dificultades para vehiculizar as súas iniciativas e para defender os intereses comúns da asociación, do medioambiente, da calidade das augas e do futuro das nosas rías.

Un dos fitos máis distinguidos na historia da organización foi a campaña de mobilizacións en contra da mina de Touro (O Pino, A Coruña), coa que conseguiron encher en dúas ocasións a praza do Obradoiro. Un sumatorio de organzacións de moito calado social, con moitas raíces e tentáculos que mobilizar, remataron conseguindo unha das grandes vitorias populares dos últimos tempos: o fallo da Xunta de Galicia para a non reapertura da mina de Touro, cuxos verquidos desembocarían na Ría de Arousa, pola pegada medioambiental que suporía.

Seguinte

EntreBateas.

© Decembro 2020 - Universidade de Santiago de Compostela 

Proudly created with Wix.com

bottom of page